Friday 20 de September de 2024

A rapazada de Banda ó Río estrea un novo parque infantil


O barrio ribeirense de Banda ó Río estrea hoxe un parque infantil completamente renovado. O goberno local, xunto cun bo número de veciños e veciñas, puideron comprobar as novas instalacións de xogo. O investimento para actualizar o Parque de Pedra Pateira ascendeu a 171.831€, financiados grazas a fondos POS.
O presidente da Asociación Social e Cultural Bandourrio, José Ramón Oujo, congratulouse de poder abrir un parque novo que era unha demanda veciñal moi agardada. Oujo agradeceu este novo equipamento e agarda que se sigan facendo actuacións no barrio como maumentar os espazos verdes ou crear unha pequena praza no propio parque. Tamén desexou que se faga un bo uso del para que a rapazada poida gozar dos xogos durante moito tempo.
O goberno local incidiu que, con esta inauguración, se avanza no compromiso de mellorar os espazos públicos e áreas infantís. O alcalde, Luís Pérez Barral, afirmou que o Plan de Mellora de Parques Infantís ten unha dotación que ascende a 672.000€ grazas aos que, alén de Banda ó Río, se vai actuar nas Avesadas, en Palmeira, en Carreira e en Artes. Pérez Barral incidiu que seguirán traballando en mellorar os espazos públicos de maneira progresiva e sobre todo aqueles que se atopan máis degradados.
A rapaza foi a encargada de abrir a cinta inaugural e contouse tamén co Grupo Tahume que amenizou o acto con baile e música da terra.
Día das Letras Galegas
O Concello tamén programou diversas actividades para festexar o Día das Letras Galegas. Trala inauguración do parque, no Centro Cultural Lustres Rivas os máis novos gozaron dos monicreques e os conto de Pablísimo “Príncipas e Princesos”
O grupo Tahume tamén deleitou as rúas e prazas con música e baile tradicionais. Por último ás 20:30h a Coral Municipal ofrece no Auditorio un repertorio de cancións en lingua galega.